Powered By Blogger

lunes, 24 de octubre de 2011

COMIENZA LA AVENTURA


NOTA INFORMATIVA – EXPEDICIÓN HIMALAIA (NOVEMBRO 2011):
           
A ACD Sálvora, dentro do seu proxecto “Riveiratrekaventura”, organiza unha expedición de dous dos seus membros na cordilleira do Himalaia.
            A expedición consiste nunha travesía circular de alta montaña na que os dous montañeiros, partindo da localidade de Lukla, percorrerán unha ruta “alternativa” que os levará ata a base do “Everest”, dende a que descenderán de regreso a Lukla pola vía tradicional de aproximación ó punto máis elevado do planeta.
            A ruta que trazarán ascenderá polo val do “Bothe Koshi” aproveitando as antigas vías que utilizaban as caravanas tibetanas de “Jaks” para atravesar o Himalaia, e que máis recentemente usaron os refuxados tibetanos para escapar da represión china. Ademais, dende a remota rexión fronteiriza co Tibet terán que atravesar dous dos pasos de montaña máis elevados da terra e o glaciar “Drongzba” para chegar ata a base do Everest; dende alí descenderán o val do “Dudhi Koshi” para regresar de novo a Lukla. Durante a travesía ascenderán dous picos de máis de 5500 metros.
            Cabe salientar que para chegar de Katmandú a Lukla terán que viaxar en avioneta ata o aeródromo “Tenzing-Hillary” de Lukla, que está considerado coma o máis perigoso do planeta e representa a única conexión posible dun medio de transporte coa rexión do Everest, co cal tamén o usarán para regresar á capital nepalí ao finalizar o seu periplo polo Himalaia.
            Na travesía percorrerán en torno a 300 kilómetros que realizarán nun tempo de entre 15 e 20 días (dependendo do clima, o terreo, e a adaptación á altitude); a cota mínima ao principio do percorrido é de 2800 metros, e a máxima altitude será de 5700 metros.
            Ademais da expedición no “teito do planeta”, os dous montañeiros levarán a cabo unha misión humanitaria en Katmandú, donde levarán material escolar a un orfanato xestionado por unha ONG española. O valor desta iniciativa non reside tanto na cantidade de material que poidan levar nesta viaxe a Nepal, como na posibilidade de abrir unha fiestra á colaboración naquel país. O que pretendemos é que os dous viaxeiros poidan aproveitar a súa experiencia para amosarlles aos nosos veciños a situación do país e ofrecerlles unha posibilidade de colaboración co mesmo.
            Esta expedición será posible grazas á colaboración do concello de Riveira e de diferentes entidades privadas, que merecen un recordatorio especial pola importancia que supón para esta iniciativa o seu apoio, máis, tratándose de tempos nos que a situación económica é delicada. As empresas que colaboran neste proxecto son: Frinsa, Congalsa, Autoescola Riveira, Pub Brétema, Ateneo Valle-Inclán e Publicolor. Ademais a aportación de material para doar en Katmandú realízana o Concello de Riveira, Tándem Alborés e o Pub Brétema.
            Os dous riveirenses que forman esta expedición son José Antonio Sobrado Silva e Roi Fontaíña Martínez.
            Esta aventura dará comezo o día 1 de Novembro, que será cando partan de Vigo rumbo a Katmandú, e rematará, se todo sae ben, o vindeiro 29 de Novembro co seu regreso a Galicia.
            Quen o desexe poderá seguir esta viaxe en internet a través de facebook (riveiratrekaventura), barplaza.com, e na web do concello de Riveira. Ademais, no blog www.riveiratrekaventura.blogspot.com, irase colgando ó seu regreso o diario de viaxe destes dous aventureiros con diverso material fotográfico e vídeos.



1 comentario:

  1. para un gran aplauso e todo o reconocemento, po la valia de organizar e realizalo, un gran aplauso.- ribeira.eu

    ResponderEliminar